Explorando barreiras físicas en Ourense
Dous recursos e dúas realidades totalmente distintas as Termas da cidade de Ourense e o catamarán da Ribeira Sacra. Miles de persoas vense privadas de descubrir e gozar dunha das xoias da coroa da cidade de Ourense, a zoa termal, por ser esta completamente inaccesible para diversos colectivos, como son as persoas con discapacidade física.
A modo de introdución, apenas a 5,7 kms do centro histórico de Ourense localízanse as Termas de Outariz e Burga de Canedo, o espazo termal máis grande da cidade composto por dous conxuntos de piscinas termais ao aire situadas nunha zona axardinada. Recordar que Ourense é a segunda cidade máis importante de Europa en cuestións termais, só detrás de Budapest. É un recursos moi demandado durante todo o ano, tanto por residentes como por turistas que visitan a cidade de Ourense. Isto explícase no gran interese que público ten no baño en augas termais pois, ademais de ser este unha fonte lúdica, é moi beneficioso para diversas patoloxías producindo, entre outras, a mellora da circulación sanguínea, a diminución da tensión muscular ou unha maior da tersura da pel.
Por outra banda, atópanse as viaxes en catamarán polo río Sil na Ribeira Sacra, a uns 40 kms do centro de Ourense. Xestionado por Viaxes Hemisferios, esta viaxe é un recurso plenamente adaptado ás persoas con discapacidade física. O seu labor consiste nun percorrido de aproximadamente unha hora e media, ensinando os recursos naturais da incrible zona dos canóns do rio Sil, nun barco con capacidade para albergar ao redor de cen pasaxeiros en cada viaxe. Deste xeito, miles de persoas diríxense á Ribeira Sacra para gozar do seu tempo libre, fomentando así o turismo nunha zona rural e sendo un poderoso activo para a zona.
Agora ben, a maior diferenza entre ambos recursos son as barreiras arquitectónicas de ambas as instalacións. Ao localizarse fora do centro da cidade, a maior parte dos desprazamentos a Outariz e á Ribeira Sacra fanse en coches particulares, o que nos leva á primeira barreira, a falta en Outariz de prazas específicas para persoas con mobilidade reducida, que só teñen un aparcamento de terra e con moitos buracos no chan, o que dificulta o desprazamento. Pola contra, na Ribeira Sacra existen prazas específicas e un chan cementado e chairo. Así mesmo, outra barreira constitúena o acceso ás instalacións. No caso do acceso ao interior do catamarán cóntase coa axuda de ramplas e plataformas, mais o que pode parecer unha complicada tarefa é liquidada co acompañamento do persoal da empresa en todo o momento, tanto no embarque como no desembarque. Non obstante, para entrar nas instalacións de Outariz tamén se debe acceder por unha rampla, pero neste caso sen axuda. Unha vez pasada a zona de restauración internámonos no vestiario, onde o paso dunha cadeira de rodas se ve moi limitado, é máis, a peor barreira atópase no acceso á zona termal.
En conclusión, a accesibilidade dun recurso pode traer moitos beneficios, non só a nivel económico, tamén como motor de inclusión de todas as persoas na sociedade. Que todas as persoas podamos gozar dos recursos da nosa cidade, é un dereito cidadán que con pequenas iniciativas pode ser alcanzado.
Autor: Gabriel Folgoso Capelo
Referencias bibliográficas:
Vila C. M. (2022): Análise do concello de Ourense como destino turístico termal ambientalmente sostible, Uvigo.
Fonte imaxe: freepik.es
No Comments
Sorry, the comment form is closed at this time.