Accesibilidade web turística: Un reto para a inclusión
Un proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) do Grao en Turismo e Dobre Grao Turismo-Xeografía e Historia da FCETOU (Universidade de Vigo)
Autoras: Iria Cebreiros Trigo, Beatriz Bermello Arce, Daniela Salgado Rodríguez e Eden Rivas Vilas
O pasado 28 de maio, catro alumnas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo desprazáronse á sede da ONCE en Ourense co obxectivo de entrevistar a persoas afiliadas á organización. Esta actividade, enmarcada nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS), tiña como finalidade coñecer de primeira man a súa experiencia e percepción sobre a accesibilidade das páxinas web turísticas.
A web turística, unha porta que non sempre se abre
A planificación dunha viaxe require acceso a información clara e fiable sobre destinos, aloxamentos, transportes e actividades. Porén, para as persoas con discapacidade visual, este proceso está cheo de obstáculos. A través dun cuestionario realizado durante a visita, as participantes da ONCE destacaron múltiples deficiencias nas webs turísticas: contidos desactualizados, falta de descricións nas imaxes, formularios mal estruturados e escasa adaptación ás pautas WCAG.
A experiencia de navegación é, en moitos casos, frustrante: as páxinas son «non moi accesibles», «pesadas» e «relativamente difíciles» de usar. A publicidade intrusiva e a xestión de cookies complican aínda máis o acceso á información. A ausencia de opcións para modificar o tamaño do texto, o contraste ou as cores supón unha barreira adicional.
A información accesible: un dereito, non un luxo
A dificultade para atopar datos sobre aloxamentos adaptados, transporte accesible ou recursos turísticos é «difícilísima», segundo as persoas entrevistadas. Mesmo aspectos básicos como a dispoñibilidade de cartas en braille nos restaurantes son practicamente inexistentes. Ademais, a información sobre accesibilidade moitas veces non é fiable: rampas mal deseñadas ou inclinadas fan que o que se anuncia como accesible, en realidade non o sexa.
Esta falta de accesibilidade xera sentimentos de «decepción» e inflúe negativamente na elección do destino. Ningunha das persoas entrevistadas puido completar un proceso de reserva sen axuda.
Cara a un deseño máis inclusivo
Aínda que se perciben pequenas melloras, a accesibilidade web turística segue «en pañales». As recomendacións recollidas polas alumnas inclúen:
- Webs concisas, con información clara e concreta.
- Uso de descricións orais ou sistemas de voz.
- Participación activa das persoas con discapacidade no deseño dos contidos.
- Adaptación da información segundo o tipo e grao de discapacidade.
- Empatía e compromiso real por parte dos deseñadores: “tendrían que venir a visitarnos”.
Este proxecto pon de manifesto a necesidade de avanzar cara a un turismo verdadeiramente inclusivo, onde todas as persoas poidan exercer o seu dereito a viaxar e descubrir o mundo sen barreiras.
No Comments
Sorry, the comment form is closed at this time.